Saturday 18 de May de 2024

Inés Rey asegura que a chamada “economía azul” debe converterse nun foco de riqueza e benestar para A Coruña


 

A alcaldesa aposta por mellorar as políticas de emprego e conciliación e pide recursos para que as administracións locais poidan poñelas en marcha

A alcaldesa, Inés Rey, sinalou que a chamada “economía azul” debe converterse nun foco de atracción de riqueza e benestar para a Coruña, non só como potencial lider no sector pesqueiro, senón tamén nos sectores tecnolóxicos, loxísticos e de investigación sempre coa Axenda 2030 na cabeza.

Neste senso, explicou, A Coruña debe liderar o proxecto de transformación dos peiraos portuarios. Non só, co impulso á dársena exterior de Langosteira, senón tamén coa utilidade que se lle dean aos mesmos unha vez que se liberen do seu uso actual. Uns usos que terán unha implicación decisiva no futuro deseño da cidade. “A transformación da fachada marítima debe ser un foco de riqueza e benestar para A Coruña”, resaltou.

Na súa intervención na presentación do anuario 2019 do Foro Económico de Galicia, a alcaldesa tamén fixo fincapé na necesidade de apostar pola “economía dos coidados” como ferramenta para facer fronte a un dos retos aos que se enfrontan as administracións locais, o envellecemento poboacional. “Non podemos dispoñer dunha visión completa do futuro sen asumir o envellecemento poboacional”, dixo. Por iso, sinalou, é “necesario buscar emprego de calidade, apoio público e políticas de conciliación para un sector moitas veces desatendido”.

Rey avogou por traballar nunha única dirección co obxectivo de preservar o estado do benestar sen exclusións. Para iso, dixo, as administracións locais necesitamos “confianza e recursos”. “Non hai formulacións de primeira nin de segunda, senón que hai que traballar nunha única dirección”, subliñou.

A Coruña, insistiu a alcaldesa, está disposta a traballar en común na creación de prosperidade -hai datos que avalan esta actitude positiva- pero, insistiu na necesidade de novas ferramentas para facer fronte a estes retos. Para a alcaldesa, a unión entre todas as administracións, empresarios, Universidade e sociedade é vital para o crecemento económico da cidade, “na coralidade está unha das nosas maiores fortalezas”.

Rey agradeceu ao presidente do Foro Económico de Galicia, Emilio Pérez, e ao secretario, Santiago Lago, a elección da Coruña para a presentación do anuario 2019. Un anuario que

se converterá sen dúbida, dixo, nun instrumento esencial co que traballar para que A Coruña siga sendo o motor económico de Galicia.